28 feb. 2016

Caravaggio e a vocación de San Mateo


 Un cardeal francés, Mateo Contarelli, comprou unha capela na igrexa de San Luis dos Franceses en Roma. Encarga varias obras pictóricas e escultóricas que teñen como tema ao santo que lle daba a el o nome, San Mateo. Cando morre en 1585 non estaban feitas aínda as decoracións encargadas e será Caravaggio quen reciba o encargo dos dous óleos laterais coa Vocación e o Martirio de San Mateo, máis tarde realizará tamén a figura de San Mateo e o anxo para o altar central. O encargo o consegue grazas ao cardeal Francesco María del Monte quen o tiña acollido na súa casa.

 É o seu primeiro traballo non para un coleccionista privado, senón para unha igrexa de acceso público o que levou, por exemplo, a que a primeira versión do santo co anxo fora rexeitada por demasiado realista. San Mateo aparece como un home canso, vello, asemella máis un xornaleiro ca un evanxelista, ata o anxo, marcadamente adolescente, ten que collerlle a man para que poida escribir como se fose un iletrado. A primeira versión perdeuse no bombardeo de Dresde durante a II Guerra Mundial.
Caravaggio segue a pasaxe evanxélica de Lucas: “Despois disto, saiu e viu a un publicán chamado Leví, sentado no despacho de impostos, e díxolle «Ségueme». El, deixándoo todo, ergueuse e seguíuno” (Lc. 5, 27-28).
Realiza unha escena complexa fronte ao que tiña feito ata o momento, con unha ou dúas figuras; agora terá sete. É de dimensións gradiosas (as figuras son de tamaño natural) 3,5x3,25 metros e decide usar o lenzo cando o normal ata o momento era usar o fresco para pinturas desas dimensións. O tratamento da historia tamén é moi novidoso, é unha historia sagrada pero aparece reflictida como unha escena da vida cotiá, parece unha escena de taberna romana, incluso con certa sordidez. A figura de Cristo aparece case oculta e só o halo sobre a súa cabeza permite recoñecelo, o seu xesto lembra ao Deus de Miguel Anxo na capela Sixtina. É un instante detido do tempo, sen ningún elemento que distraiga á atención do fundamental: o cambio radical que se produce na vida de Leví remalcado polo cruce de miradas e a luz.












A luz fixa a estrutura e a composición: trala figura de Cristo hai un potente foco de luz que ilumina a un sorprendido Mateo que se vota cara atrás. A luz reflicte o xesto de Cristo; un compañeiro de Mateo, vestido como un cabaleiro romano, conta con afán as moedas, alleo ao que sucede. Contrasta o ambiente mundano no que vive Leví coa austeridade de Cristo e Pedro.
A profundidade da súa pintura non se basa nunha rigorosa perspectiva lineal, mais ben é produto dunha estudada composición de liñas converxentes, diagonais, series de escorzos e primeiros planos resaltados polos xogos de luz, recursos cos que chega a establecer unha profundidade que suxire efectos atmosféricos.
O conxunto destaca pola súa autenticidade e naturalismo.
Tampouco é arbitraria a colocación de Pedro entre Cristo e os homes, representando á Igrexa Católica e o seu papel mediador entre o divino e o humano, de xeito que sobre o conxunto domina a alusión á salvación e a vía para conseguila repetindo os xestos instituídos por Cristo: os sacramentos, que son os que os luteranos rexeitan e o Concilio de Trento reafirma. Nun primeiro momento non estaba a figura de Pedro, foi engadida máis tarde (os arrepentimentos son frecuentes en Caravaggio ao pintar de forma rápida e directa)

1 comentario:

  1. Unha entrada estupenda. É unha mágoa que para poder apreciar estas obras teñamos que poñer unhas moedas para aprecialas (mal) iluminadas. Saúdos desde Iniciarte.

    ResponderEliminar