15 ene. 2011

Guerreiros espidos de Antonio Pollaiuolo


   Neste gravado en cobre "Loita de dez rapaces espidos", creado arredor de 1470-1480 e de gran difusión en Europa, podemos ter algunhas das claves do Renacemento:
  • A recuperación do estudo do corpo humano e do espido
  • A pegada do idealismo e do neoplatonismo nas artes deste periodo

   Os críticos de arte sempre valoraron neste gravado os estudos anatómicos que amosan diferentes posturas e actitudes, o espido aquí convértese nun fin en si mesmo, sen xustificación polo tema. Viuse como unha especie de lección maxistral que servise aos seus discípulos ou a outros artistas. A difusión de cadernos onde se recollesen estas cousas era algo habitual e non só no Renacemento (só temos que lembrar o caderno de Villard de Honnecourt do século XIII).
   Sempre intrigou se era posible buscarlle unha fonte literaria ou histórica a esta obra, sobre todo a partir do feito de que as figuras centrais estivesen suxeitas cunha cadea, ningunha interpretación parece convincente, aínda que máis recentemente vencellouse á obra a unha constante iconolóxica do renacemento: a dualidade corpo-alma. A cadea simbolizaría a atadura da alma ao corpo, que só racha coa morte. Significativo é que os espidos estén nun espazo só pechado por un muro vexetal onde se distinguen vides e gran (viño e pan) en relación coa eucaristía e polo tanto coa  redención do ser humano que significa a morte de Xesús.

No hay comentarios:

Publicar un comentario