A ansiedade que provoca a irracionalidade aparente da experiencia e a busca dunha orde que explique a experiencia e acougue esa ansiedade son dúas forzas fundamentais do pensamento grego que tiveron unha fonda repercusión na arte.
Os seguintes textos van nesa liña, o primeiro é unha reflexión que o poeta Arquíloco fai despois de observar unha eclipse de sol; o segundo é a referencia que conservamos ao famoso tratado de escultura escrito por Policleto.
..."Húmido espanto abateu ás xentes.
Dende entón calquera cousa resulta crible e esperable
aos humanos. Ningún de nós se admire ao vela.
Nin se as bestas agrestes trocan cos arroaces
o pasto mariño e teñen por máis gratas ca terra
as ondas resoantes do mar, e aqueles prefiren o
monte".
Arquíloco de Paros ( 712 a.C.- 664 a.C.)
"A beleza reside, non na proporción dos elementos
constituíntes, senón na proporcionalidade das partes, como entre un dedo e outro
dedo, e entre todos os dedos e o metacarpo, entre o carpo e o antebrazo e entre
o antebrazo e o brazo, en realidade entre todas as partes entre si, como está
escrito no Canon de Policleto. Para ensinarnos nun tratado toda a proporción do
corpo, Policleto apoiou a súa teoría nunha
obra, facendo a estatua dun home de acordo cos principios do seu tratado e
chamou á estatua, como ao tratado, Canon".
Galeno, De
temperamentis (século II d. C.)
No hay comentarios:
Publicar un comentario