Este organigrama céntrase na valoración do espazo e nas innovacións da arquitectura romana e serve como complemento ao texto de Bruno Zevi que está a continuación.
Podedes velo aquí
O seguinte texto do arquitecto italiano Bruno Zevi pode ser un bo
punto de partida para unha reflexión sobre a arquitectura romana e a súa
concepción do espazo. Lembrade o significado de espazo estático e
partide tamén da idea que este arquitecto tiña sobre a arquitectura: "A
arquitectura non deriva dunha suma de lonxitudes, anchuras e alturas
dos elementos construtivos que envolven o espazo, senón dimana
propiamente do valeiro, do espazo envolto, do espazo interior, no cal os
seres humanos viven e móvense"
BRUNO ZEVI “Saber ver a arquitectura”. Ed. Poseidón. Barcelona. 1981 (4ª) págs. 57 -61."O Partenón é unha obra non arquitectónica, pero non por iso deixa de ser unha obra mestra da arte, e tratándose da historia da escultura, podemos afirmar que a quen non lle gusta o Partenón, non ten sensibilidade estética. Se, ao pasar á arquitectura romana, observamos moitas reconstrucións de monumentos do Imperio e imaxinamos o espazo e o gusto dos Foros no seu estado primitivo, podemos chegar á conclusión de que moitos edificios romanos non eran obras de arte, pero nunca poderemos afirmar que non eran arquitectura...
O espazo interno está presente en xeito grandioso, e se ben os romanos non tiñan o refinamento sensible dos escultores-arquitectos gregos, posuían, pola contra, o xenio dos construtores-arquitectos, que no fondo é o xenio da arquitectura. Aínda cando non sabían prolongar na plástica os temas espaciais e volumétricos, tiñan, non obstante, a inspiración alta e valente para estes temas, que no fondo é a inspiración da arquitectura. (...) A pluralidade de formas do programa edilicio romano que se opón netamente ao tema unívoco da arquitectura grega, a súa escala monumental, a nova técnica construtiva de arcos e bóvedas que reduce as columnas e arquitrabes a motivos decorativos, o sentido dos grandes volumes nos alxibes, nos túmulos, nos acuedutos e nos arcos, as poderosas concepcións espaciais das basílicas e das termas, unha conciencia altamente escenográfica, unha fecundidade de invención que fai da arquitectura romana unha enciclopedia morfolóxica da arquitectura, a maduración dos temas sociais como o pazo e a casa... todas estas contribucións están ausentes da edificación grega, afloran parcialmente no helenismo e constitúen a gloria incontestable de Roma. (...) Sería doado confrontar e opoñer, por exemplo, unhas termas romanas con un templo grego e demostrar a total diversidade do seu plantexamento arquitectónico, que no segundo caso non determina por completo un espazo pechado senón que simplemente o cobre. Pero tamén nos monumentos en que os romanos non explotan a súa capacidade de abovedar interiores, tamén nos templos e nas basílicas nos que se serviron do sistema de soporte e trabazón aplicado en Grecia, é clara a antítese. Se se compara unha planta do templo grego e outra dunha basílica romana, ¿que se atopa? fundamentalmente, os romanos tomaron as columnatas que cinguen o templo grego e trasladáronas ao interior. A civilización grega coñeceu poucas columnatas interiores pero alí onde existen responden á necesidade construtiva de soster as vigas da cuberta, non a unha concepción interior do espazo. En Roma, ao lado da necesidade técnica feita máis precisa pola escala monumental da edificación do Imperio aparece o tema social da basílica, onde os homes viven e obran segundo unha filosofía e unha cultura que rompen a contemplación abstracta e o perfecto equilibrio do ideal grego, enriquecéndose psicoloxicamente, facéndose máis instrumentais e máis pregada a símbolos retóricos de grandeza. Trasladar as columnatas gregas ao interior significa deambular no espazo pechado e facer converxer toda a decoración plástica á potenciación deste espazo. (...) Que exista o arco en Exipto e a bóveda en Oriente antes que en Roma, pode ser interesante filoloxicamente, pero dende o punto de vista da historia da arquitectura nada desconta a contribución romana que empregou aqueles elementos para concepcións espaciais e para unha escala, intento e significación totalmente diferentes. (...) O carácter fundamental do espazo romano é estar pensado estaticamente. Nos interiores de planta circular e rectangular imperan a simetría, a autonomía absoluta respecto aos interiores antigos subliñada pola grosa cachotaría que os separa, e unha grandiosidade dobremente axial, de escala inhumana e monumental, substancialmente satisfeita en si mesma e independente do observador. (...) Fundamentalmente a edilicia oficial romana expresa unha afirmación de autoridade, constitúe o símbolo que domina a multitude dos cidadáns e que hai presente o Imperio, potencia e razón de toda a vida. A escala da edilicia romana é a escala deste mito, desta realidade, non é nin quere ser a escala do home ".
No hay comentarios:
Publicar un comentario